Trouxen ata aquí as miñas lembranzas desta terra, de cando era nena.
A morriña de recorrer unha praia valeira, de recoller froitos no campo,
de escoitar cada mañá os paxaros na fiestra do baño.
Esquecéndome se debería lembrarte en branco e negro, ou facelo a toda cor.
Caendo na conta de que o mellor sería borrarte deste recuncho de tarde.
Forzando cada verso ata que non falen de ti, por non ollarte sen tornar a vista atrás.
Trouxen ata aquí as ganas que teño de bicarte,
de tornar mirar a lúa nas noites de verán sobre o teu peito nu.
De agardar na praza xunto as nosas lembranzas.
Trouxen e traio tremores e non son de medo.
Es o vento do outono que sopra na nuca do sol.
O bico que ceibe se pousa na cume dun monte que leva o teu nome.
Es todo o que quixen ter e foise.
Camiñar espida polas beiras dun río esquecido
que amaina cando canta unha nai.
Lostrego en noites de verán,
saraiba sobre as flores da avoa,
mirada esquecida cara ningún lugar.
Es e fuches, e non voltaches.
Es o emigrante mais agardado do mundo,
o morar ducha bolboreta no bico dun neno,
a choiva que ninguén quere e que todos agardan,
os segredos que garda a costa da norte,
morrer enriba de alguén e desexar quedar a vivir nel para sempre.
Es todo o que quixen ter ao lonxe,
A morriña que lle teño ao bosque
Dende que non o atopo en ti.
No hay comentarios:
Publicar un comentario